Saturday 18 de May de 2024

Medio Ambiente subliña con motivo do Día da Protección da Natureza a necesidade de apostar pola educación ambiental


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, inaugurou hoxe no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia unha xornada formativa organizada polo Observatorio Galego de Educación Ambiental
A mellor maneira de protexer e preservar o entorno que nos rodea é apostar por unha boa educación ambiental. Así o subliñou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a inauguración no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) dunha xornada formativa organizada polo Observatorio Galego de Educación Ambiental, organismo creado en 2011 como instrumento de participación para os axentes sociais implicados nesta materia.

Coincidindo co Día Mundial da Protección da Natureza, unha efeméride que se vén celebrando desde o ano 1972, Belén do Campo explicou que citas coma esta teñen que ter como obxectivo motivar a responsabilidade ambiental da sociedade respecto da protección e o coidado dos espazos naturais fronte á acción humana. Unha necesidade aínda maior nunha rexión como Galicia, incidiu, debido ao extenso patrimonio natural que atesoura.

Neste sentido, a directora xeral lembrou que as accións de educación e divulgación ambiental que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, máis concretamente, o departamento de Patrimonio Natural, son un dos instrumentos para que a cidadanía valore e faga un uso axeitado dos bens e servizos existentes en todas as áreas que conforman a riqueza natural e paisaxística de Galicia.

Así, incidiu en que este tipo de accións deben darse a todos os niveis, tanto no eido da educación formal, a través da formación e dos coñecementos impartidos nos propios centros de ensino; como no ámbito non formal, promovendo actividades, campañas de sensibilización, congresos ou xornadas, como a que se celebrou hoxe precisamente no Ceida, baixo o título Traballando pola educación ambiental en Galicia.

Na mesma liña, Belén do Campo explicou aos asistentes -entre os que había profesionais do ámbito da educación ambiental, educación social, dinamización cultural, xestión ambiental, municipal, profesorado e público en xeral con interese neste campo- que desde a aprobación en 1999 da primeira estratexia galega de educación ambiental, a Xunta organiza numerosas actuacións de educación ambiental, enfocadas desde diferentes perspectivas.

Tamén a nova Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que entrou en vigor o pasado mes de agosto, recolle entre os seus obxectivos a integración da conservación do entorno nas accións desenvolvidas a nivel autonómico para educar e sensibilizar á sociedade e regula, ademais, a estratexia a seguir neste eido
Tras recoñecer que a protección da natureza é un fenómeno xa moi estendido entre a sociedade actual, explicou que do que se trata agora é de centrar os esforzos en crear unha “corresponsabilidade ambiental e un compromiso tanto individual como colectivo” para protexer as nosas contornas e establecer as bases para que, sobre todo as novas xeracións, asuman un papel activo no coidado da natureza. “Só o que se coñece se ama”, declarou.

A modo de exemplo, Belén do Campo referiuse en primeiro lugar aos Centros de interpretación dos sei parques naturais que hai en Galicia e ao do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a través dos que se canaliza unha labor de divulgación e información en clave didáctica e de responsabilidade ambiental, de xeito que estes espazos actúan e se converten en aulas abertas de coñecemento e experiencias.

En segundo lugar, tamén subliñou o traballo que se fai nas aulas da natureza do Courel, Siradella e O Veral, lugares nos que se aportan ensinanzas ambientais de gran valor través de visitas programadas e non programadas de colexios, grupos ou particulares, cunha atención especial aos contidos pensados para os máis cativos, dada a súa importancia para a sociedade actual e as xeracións vindeiras.

Tamén nos centros de recuperación de fauna e nos centros ictiolóxicos, explicou a directora, desenvólvense durante o ano distintos programas de educación ambiental e ofrecen prácticas formativas para alumnado universitario ou de formación profesional, servindo de complemento á educación formal que reciben xa neste eido.

Educando desde as escolas
En canto á educación transversal, do Campo resaltou a importancia da progresiva incorporación da educación ambiental nas escolas da comunidade por medio de proxectos enmarcados no chamado Plan Proxecta, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Educación.

Así mesmo, no ámbito da educación non formal citou, entre outros exemplos, a creación de cursos como Coñece a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres/Xurés, a xestión de establecementos turísticos nas áreas rurais, a agricultura ecolóxica e aproveitamentos tradicionais e secundarios das plantas de cultivo de interese, ou os diversos obradoiros de sensibilización dirixidos á poboación local desta zona.

Por último, outra ferramenta empregada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para dar a coñecer e apreciar ao valores ambientais é a creación de exposicións itinerantes e unidades didácticas, como a de Conservando a Natureza, Galicia Biodiversidade e Aves de Galicia, ás que tamén hai que sumar as publicacións divulgativas realizadas anualmente desde a Consellería sobre diversas temáticas ambientais.